A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, área que dirixe o edil José Manuel Sande, abrirá esta semana o prazo de inscrición para participar na sexta edición do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre. Baixo o lema Nacida para correr , a serie de sete probas, que comezará o próximo 5 de novembro, percorrerá distintos barrios da cidade e manterá os prezos de inscrición e bonificacións para distintos colectivos do ano pasado, co obxectivo de facilitar a participación entre públicos de todas as idades. Así, a primeira carreira terá lugar o próximo 5 de novembro no barrio de Novo Mesoiro, e a serie continuará o 3 de decembro nos Rosales. A primeira proba de 2018 terá lugar o día 14 de xaneiro en Matogrande, e xa en marzo o sábado día 31, terá lugar a nocturna da Torre de Hércules. O circuíto volverá no mes de xullo, coa Cross San Pedro de Visma o día 1, e pechará a sexta edición coas probas de Oza, o 9 de setembro, e do Ventorrillo, que terá lugar o 23 de setembro.

O prazo para solicitar a participación no Coruña Corre poderá facerse desde a apertura das inscricións para a carreira de Novo Mesoiro e ata a data de peche das solicitudes da terceira proba, a de Matogrande. A este respecto, o Concello manterá os prezos das dúas últimas edicións: 10€ para o público xeral de máis de 18 anos, gratuíto para menores de idade e 7€ para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove. Este colectivo tamén obterá descontos na cota de inscrición para cada unha das distintas carreiras, que será 1€, mentres que o prezo para as e os demais corredores que non estean inscritos no circuíto será 2€ (agás as e os menores de idade). Para participar nas carreiras e obter un dorsal será necesario inscribirse en cada unha das probas. O que non será necesario para correr no Circuíto, pero si para puntuar no sistema de cronometraxe e figurar nas clasificacións, será o uso do chip. As e os corredores que non dispoñan do mesmo poderán adquirilo por 12€ ao inicio da serie e, ao devolvelo ao remate da mesma, recibirán 6€. Este ano, como novidade, poderá adquirirse un chip de uso exclusivo para cada unha das probas por un prezo de 2€, agás para o colectivo con bonificación, que aboarán 1€.

 

Deja una Respuesta

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>