A entidade de Novo Mesoiro propón unha nova liña que una o barrio co Campus de Elviña, Matogrande, a zona sanitaria do CHUAC e Materno, centros comerciais e co barrio dos Castros

Mónica Calvo: “Solicitamos unha liña que nos vén demandando a veciñanza desde hai anos; para poder acceder ao centro sanitario de Matogrande e aos servizos do CHUAC e Materno, para acceder ao Campus de Elviña, que o temos ao noso carón máis non existen beirarrúas ininterrompidas até el, para ir aos centros comerciais a mercar, e mesmo para que haxa un servizo alternativo que nos permita facer transbordos sen necesidade de ir até o centro da Coruña. Queremos, simplemente, unha alternativa”

A Asociación Veciñal de Novo Mesoiro comezou hoxe unha campaña de sinaturas para demandar a implantación dunha nova liña de bus e para a colocación de dúas paradas da liña universitaria no barrio.

“A iniciativa principal nace nun grupo de veciñas que queren que se establezan paradas da liña universitaria, que tamén pasa pola Zapateira, no noso barrio, e que foron as que comezaron a reclamar este servizo á Compañía de Tranvías. Desde a compañía responderon que se se demostraba que había demanda e se solicitaba, estudarían a posibilidade. Por outra banda, na asociación levábamos traballando desde o 2013 en formular unha liña que nos conectara con servizos sanitarios de Matogrande e CHUAC. Sentámonos xuntos, tanto as veciñas como nós, e quixemos facer unha proposta conxunta, para que a liña universitaria fixera dúas paradas no noso barrio e para dotar ao barrio dese novo percorrido”, argumenta a presidenta da Asociación Veciñal Mónica Calvo.

Esta nova liña, segundo os dirixentes veciñais, ten por obxecto dar servizo a zonas que hoxe en día teñen moito tránsito de veciñanza pero que pola configuración actual da liña 21, nin cos seus transbordo, solucionan a demanda das usuarias e dos usuarios do transporte público colectivo.

Por iso propoñen, a maiores desas dúas novas paradas do bus universitario unha nova liña circule polo Campus de Elviña, polas proximidades de dous centros comerciais, polo barrio de Matogrande, pola zona sanitaria CHUAC- Materno e rematando no barrio dos Castros, procedéndose desde alí a facer un percorrido de volta até o propio Novo Mesoiro.

“A veciñanza dirixiuse á Asociación para vehiculizar a solicitude das dúas paradas, e nós, que xa tiñamos avanzada a proposta do novo percorrido, aceleramos o proceso e realizamos un estudo de campo detallado, coa simulación, e logo realización práctica de varios percorridos e trazados, escolléndose o que máis barrios e zonas da Coruña se podían abarcar, no menor tempo posíbel e aproveitando paradas hoxe en día existentes, tentando así, tamén, cubrir outros servizos que non están atendidos na actualidade”, sinalan desde a Asociación.

Así, desde a Entidade argumentan que esta liña, que xa denominan 21A, atendería a demanda, actual e futura, de estudantes ao Campus de Elviña (incluso con transbordo tamén para a Zapateira), atendería aos servizos sanitarios co Centro de Saúde de Matogrande (centro de referencia de Novo Mesoioro de moitas nenas e nenos desde que o do barrio pechou a cota de pediatría en decembro de 2015, ademais de abrir polas tardes, algo que non acontece no propio de Novo Mesoiro) e tamén do CHUAC e do Materno Infantil, atendería ao servizo de varios centros comerciais para poder realizar compras e comunicaría co barrio dos Castros para poder realizar outra combinación de transbordos, cos servizos metropolitanos alén dos actuais e que existen na única liña que hoxe en día existe, a liña 21.

“Solicitamos unha liña que nos vén demandando a veciñanza desde hai anos; para poder acceder ao centro sanitario de Matogrande e aos servizos do CHUAC e Materno, para acceder ao Campus de Elviña, que o temos ao noso carón máis non existen beirarrúas ininterrompidas até el, para ir aos centros comerciais a mercar, e mesmo para que haxa un servizo alternativo que nos permita facer transbordos sen necesidade de ir até o centro da Coruña. Queremos, simplemente, unha alternativa”, admite Mónica Calvo.

Por último, desde a Asociación Veciñal se sinala que se marcan o prazo dun mes para recoller estas sinaturas e facer a solicitude formal tanto á Concellaría de Mobilidade como á Compañía de Tranvías, e na que, xa anuncian, colocarán varias mesas no barrio durante este tempo así como repartiran pregos por todos os comercios para facer partícipe da solicitude a toda a veciñanza do barrio.

CLICK AQUI PARA DESCARGAR PROPUESTA RECORRIDO

Deja una Respuesta

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>