O Concello abre o próximo 15 de xuño o prazo de preinscrición para os campamentos de verán municipais da Concellería de Xustiza Social e Coidados, que inclúen os campamentos urbanos, os campamentos de día e os campamentos tradicionais, e que se celebrarán entre o 3 de xullo e o 31 de agosto. En total, a oferta componse de 2.751 prazas, das que a área que dirixe Silvia Cameán reserva un 20% en cada unha das tres modalidades para destinalas a menores beneficiarios dos servizos sociais e, do mesmo xeito, cada quenda inclúe prazas para menores con Necesidades Educativas Especiais (NEE). Ademais, a oferta municipal de actividades infantís de verán nos centros cívicos completarase, entre os días 26 e 30 de xuño, co programa sociocultural Embárriate, que se desenvolverá en 19 centros cívicos da cidade e que está dirixido para menores que naceron entre 2005 e 2013 e empadroados na Coruña, cunha proposta que xira arredor dos barrios, cunha perspectiva lúdica e artística.

En canto aos campamentos, desde o día 15 e até o 17 de xuño será posible realizar a preinscrición nos campamentos urbanos dos centros cívicos, dirixidos a nenos e nenas nadas entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2013. As persoas interesadas deberán acudir no prazo fixado ao centro cívico ao que se desexe optar, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas. Esta tipoloxía de campamento, que constará de catro quendas, desenvolverase a partir do 3 de xullo, de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e coa posibilidade dun horario ampliado nalgún dos centros cívicos –naqueles onde se ofertan as catro quendas–, para facilitar a conciliación familiar, entre as 09.00 e as 14.30 horas. A oferta inclúe 2.155 prazas, das que 55 están dirixidas a menores con NEE. O prezo da praza nestes campamentos é de 26 euros para o horario xeral e de 32 euros para o horario expandido.

A primeira quenda desta tipoloxía de campamento, no que se realizarán actividades lúdicas relacionadas co uso eficiente dos recursos, a protección ambiental, a diversidade ou os valores culturais do patrimonio, será do 3 ao 14 de xullo; a segunda, do 17 ao 31 de xullo, a terceira, do 1 ao 14 de agosto e, finalmente, a cuarta será do 16 ao 31 de agosto. Os centros cívicos que ofertan as catro quendas son os equipamentos de Castrillón, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Labañou, Os Mallos, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Novoboandanza, Palavea, Rosales e San Diego. Pola súa banda, os centros de A Silva, Artesáns, Feáns, Sagrada Familia, Santa Margarida, San Pedro de Visma e Mariñeiros ofrecen a primeira e segunda quendas, unicamente.

O sorteo de prazas terá lugar en cada centro cívico –agás no caso das prazas de NEE, que se realizará no centro cívico de Labañou– o día 17 deste mes, ás 20.15 horas, e a lista de persoas admitidas e de reserva darase a coñecer o 26 de xuño. Esta estará dispoñible tanto nos centros cívicos como na páxina web municipal www.servizossociais.coruna.es e a través do servizo de atención cidadá 010. As datas de inscrición comunicaranse nos propios centros cívicos e na web municipal o día da publicación das listas. Para formalizala será necesario realizar o aboamento do pagamento e entregar unha fotocopia da tarxeta sanitaria da ou do menor, así como asinar as correspondentes autorizacións.

En canto aos campamentos de día, que van dirixidos a público infantil de entre 4 e 12 anos cumpridos no momento da preinscrición, esta poderá realizarse entre o 15 e 17 de xuño no centro cívico de Monelos, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas. Neste caso, o Concello ofrece 416 prazas, das que 16 son para menores con Necesidades Educativas Especiais. O horario de celebración vai desde as 10.00 ata as 18.15 horas, de luns a venres, e o prezo da praza é de 85 euros. O lugar de celebración, así como o itinerario dos buses que trasladarán aos e ás participantes, indicarase no momento de formular a inscrición. O transporte sairá a partir das 09.00 horas (primeira parada) e, de volta, chegará á última parada ás 19.15 horas. A todas e todos os participantes deste campamento proporcionaráselles tres comidas –media mañá, xantar e merenda–.

Esta modalidade de campamento, no que se realizarán actividades deportivas e culturais que fomenten o coidado e o respecto ao medio ambiente e o bo uso do espazo público, distribúese tamén en catro quendas. A primeira terá lugar entre o 3 e o 14 de xullo, a segunda entre o 17 ao 31 do mesmo mes, a terceira do 1 ao 14 de agosto e unha última do 16 ao 31 de agosto. Como indican desde a Concellería de Xustiza Social e Coidados, en todas as quendas dedicarase polo menos unha hora diaria á práctica da lingua inglesa, e programaranse dúas saídas ou excursións durante o horario do campamento.

O sorteo público destes campamentos de día terá lugar no centro cívico de Monelos o 17 de xuño ás 20.15 horas e a lista de persoas admitidas poderase consultar, a partir do 26 de xuño, nos centros cívicos, na páxina web municipal www.servizossociais.coruna.es , e a través do servizo telefónico de atención cidadá 010. As datas de inscrición comunicaranse nos propios centros cívicos e na web municipal o día da publicación das listas. Para formalizala será necesario aboar o custo do campamento, entregar unha fotocopia da tarxeta sanitaria da ou do menor e unha fotografía tamaño carné.

De igual xeito, o prazo para preinscribirse nos campamentos tradicionais, para rapazas e rapaces de entre 8 e 16 anos, abrirase tamén entre o día 15 e o 17 do presente mes no centro cívico de Monelos no mesmo horario –de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas–. Para esta modalidade ofértanse 184 prazas, 4 delas para menores con NEE. O custo por participante será de 85 euros.

Tamén neste caso, os campamentos divídense en catro quendas, divididas por idades. Os nenos e nenas de entre 8 e 11 anos poderán optar á primeira –entre o 9 e o 15 de xullo– e a terceira –do 30 de xullo ao 5 de agosto–, mentres que a segunda quenda –do 16 ao 22 de xullo– e a cuarta –do 6 ao 12 de agosto– dirixiranse a menores de entre 12 e 16 anos. O lugar de celebración será a Fundación Cipri Gómez, na localidade de Viana do Bolo (Ourense).

O sorteo público terá lugar no centro cívico de Monelos o 17 de xuño ás 20.15 horas e a lista de persoas admitidas poderase consultar, a partir do día 16, nos centros cívicos, na páxina web municipal www.servizossociais.coruna.es e no teléfono gratuíto 010. As datas de inscrición comunicaranse nos propios centros cívicos e na web municipal o día da publicación das listas. Para formalizala será necesario aboar o custo do campamento, entregar unha fotocopia da tarxeta sanitaria da ou do menor e unha fotografía tamaño carné.

Deja una Respuesta

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>