El Ayuntamiento manda la siguiente nota de prensa:

O Goberno local levará ao Pleno ordinario do próximo luns a aprobación definitiva do documento de modificación puntual do plan parcial do sector 5, Val de Mesoiro. A aprobación do citado documento implica dar luz verde a unha modificación do Plan Xeral de Ordenamento Municipal (PXOM) que posibilitará que unha serie de baixos baleiros situados en Novo Mesoiro, que até o de agora tiñan carácter comercial, poidan acoller usos cívicos. En concreto trátase dos sitos nos bloques 2,3 e 4 no edificio RC1, os bloques 8,9 e 10 do RC2 e os bloques 11,12 e 13 no RC3, na rúa Ribeira Sacra.

Estes espazos poderán responder no futuro ás necesidades culturais que existen no barrio e que foron definidas pola propia veciñanza a través dun proceso participativo desenvolvido nos últimos meses. Así –de aprobarse en Pleno a aprobación definitiva– nun futuro, e en base a algunhas das demandas recollidas no proceso, estes espazos poderían acoller actividades relacionadas con música, teatro, danza, formación para adultos, obradoiros, talleres de robótica ou actividades de lecer. Os novos usos dos que se poderán dotar estes baixos darán cobertura ás zonas de Novo Mesoiro, Mesoiro Vello, Feáns, Someso, Birloque e Martinete. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, indicou que “esta modificación puntual permitirá que se poidan desenvolver todos os usos contidos na ordenanza agás o residencial e permitirá ás comunidades de propietarios ter un lugar de reunión no seu entorno inmediato”. “A nosa intención é atender a unha reivindicación da veciñanza de Novo Mesoiro, e posibilitar que nestes espazos se poidan levar a cabo usos que amplíen a oferta do propio centro cívico, dando posibilidade á veciñanza de contar con espazos de carácter polivalente, aínda que eminentemente culturais”, explicou o edil, que destacou o traballo conxunto realizado polos departamentos municipais de Rexeneración Urbana, Participación e Culturas.

Esta modificación puntual conta cos informes e autorizacións previas e necesarias doutras institucións, como a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e o Ministerio de Fomento, por mor das servidumes aeronáuticas sobre o ámbito da modificación. Ademais o documento foi sometido xa ao trámite de información pública por un período superior a dous meses, mediante anuncio publicado no DOG. Así mesmo, o documento foi notificado a todas as persoas titulares catastrais dos inmobles afectados.

Deja una Respuesta

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>