Ya se pueden votar las diferentes propuestas para el barrio en www.aportaberta.coruna.es, es importante que todos los vecinos que podamos entremos y demos nuestro voto a la propuesta que nos guste, ¡¡ANIMAOS!!

El Ayuntamiento manda la siguiente nota de prensa sobre el tema:

A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, deu a coñecer este venres a nova fase –de apoio ás propostas– na que entra hoxe, e ata o vindeiro 14 de xuño, o proceso de Orzamentos Participativos, a ferramenta posta en marcha o ano pasado polo Goberno local coa finalidade de que a veciñanza da Coruña poida decidir, de forma directa, unha parte do investimento do presuposto municipal do ano seguinte, e que nesta segunda edición ascende a tres millóns de euros. “Esta é unha fase fundamental de cara á priorización das actuacións, para saber cales son as que reciben máis apoio dos e das veciñas da cidade, que son protagonistas en todo o proceso, porque son quen fan as propostas, quen as votan e quen finalmente deciden cales se incorporan nos Orzamentos Municipais de 2018”, incidiu a responsable municipal, quen salientou a “vocación estrutural e transversal” deste mecanismo de participación directa impulsado polo Goberno municipal, “unha aposta pola participación da cidadanía que se ve referendada co aumento das propostas acadado este ano”. Como tamén indicou a responsable municipal, nesta edición dos Orzamentos Participativos incrementáronse nun 20% as achegas da veciñanza durante a primeira fase do proceso, que se pechou o pasado domingo; delas, un total de 421 –121 referidas ao conxunto da cidade e 300, aos distritos– pasarán a este novo estadio do proceso, despois dunha primeira revisión técnica, que serviu para desbotar as que son inviables, ao non cumprir os requisitos básicos, ben por non entrar na categoría de investimento, non ser competencia municipal ou non poder ser correctamente valoradas por tratarse de propostas múltiples ou demasiado inconcretas.

Do mesmo xeito, Delso valorou a diversidade de propostas recollidas –referentes ao espazo público, mobiliario urbano, incremento de árbores e espazos verdes na cidade, novas zonas peonís nos barrios ou infraestruturas para a mocidade, entre outras–, “que apelan a unha cidade para as persoas, con demandas que son interesantes e sensatas”. Nesta edición do proceso, as propostas repártense entre proxectos de cidade e de distrito, a través do uso do Mapa de Distritos proposto polo Goberno local como base do proceso participativo, para acadar un equilibro de investimentos nos barrios da cidade. Deste xeito, un millón de euros do proceso irá destinado financiar propostas ou actuacións globais, dirixidas ao conxunto da cidade, e dous millóns repartiranse de forma equitativa entre os dez distritos, con 200.000 euros para proxectos en cada un deles.

Como apuntou a concelleira durante a súa comparecencia cos medios de comunicación, nesta fase de apoios, as persoas que queiran tomar parte poderán dar o seu respaldo ás propostas recabadas na fase de achegas, de cara a seleccionar o listado de proxectos que será avaliado polos servizos municipais para comprobar a súa viabilidade técnica, antes da votación final da que sairán as propostas elixidas para incluírse nos Orzamentos municipais do 2018; tal e como recalcou a concelleira, para participar nesta segunda fase non é preciso ter presentado propostas previamente. Poderán facelo todas aquelas persoas maiores de 16 anos e empadroadas na cidade, que terán a posibilidade de apoiar proxectos para toda a cidade e para un distrito da cidade á súa elección, que pode ser o de residencia, o do lugar de traballo ou o que elixa en base a calquera outra consideración. Para facelo, deberán rexistrarse na plataforma dixital que dá soporte ao proceso, www.aportaaberta.coruna.es . As propostas máis apoiadas pasarán á fase de avaliación técnica e económica.

Como recordou Delso, o proceso de Orzamentos Participativos conta, tamén nesta fase, con puntos de apoio á participación, nos que recibir soporte presencial e consultar a información e o listado en papel das propostas de cidade e de distrito, para que as veciñas e veciños participantes poidan coñecelas ao detalle. Estes puntos están situados nas bibliotecas municipais, no CMIX (o centro municipal de información xuvenil do Fórum Metropolitano), na sede da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e a Área Metropolitana (avenida de Glasgow, 7), na rede de centros cívicos municipais da cidade e, igualmente, no autobús itinerante que se situará, ao longo deste período de apoios, en distintos puntos da cidade. En concreto, o vindeiro luns, o bus estará, de 12.00 a 14.00 horas, na Cidade Deportiva de Riazor, de 16.30 a 18.30 horas, na praza de Pontevedra e de 19.00 a 20.30 horas, no centro cívico de Feáns; o martes, 30 de maio, de 12.00 a 14.00 horas, situarase na cidade deportiva da Torre; o xoves, 1 de xuño, recalará, de 12.00 a 14.00 horas na piscina municipal de San Amaro, e de 17.,30 a 20.00 horas, na sociedade cultural deportiva Centro Novo. O martes, 6 de xuño, de 10.00 a 12.00 horas, o bus situarase xunto á Casa da Auga, para acudir logo ao parque de Santa Margarita, onde estará entre as 16.30 e as 18.00 horas, mentres que de 18.30 a 19.30 horas, estará no centro cívico de San Pedro de Visma. O xoves, 8, estará na praza de Lugo entre as 12.00 e as 14.,00 horas, e no polideportivo de San Diego entre as 17.00 e as 18.30 horas. O venres, 9, o bus iniciará o percorrido ás 10.00, e ata as 12.00 horas, no centro cívico da Cidade Vella, para acudir ás 12.00 á escola infantil de Elviña (avenida Humboldt), ata as 14.00 horas; pola tarde, estará no centro cívico de Eirís entre as 17.00 e as 18.30 horas e en Palavea, entre as 19.00 e as 20.30 horas. Por último, o bus estará, pola mañá, no Paseo da Mariña, entre as 11.30 e as 13.30, e pola tarde, de 17.00 a 18.30 horas no polideportivo de San Diego e de 19.00 a 20.30 horas, no centro cívico de Monelos. Igualmente, haberá encontros coa veciñanza no centro veciñal de Bens (martes, 30 de maio, ás 18.00 horas), na Silva (luns, 5 de xuño, ás 17.00 horas) e no centro veciñal de Bens (xoves, 8 de xuño, ás 20.00 horas).

Toda a información sobre o proceso tamén está dispoñible no teléfono de atención cidadá 010 e na web www.aportaberta.coruna.es

Deja una Respuesta

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>