A Concellería de Medio Ambiente vén de informar da situación do Punto Limpo Móbil para este mes de maio, no que o servizo se achegará a dez localizacións distintas da cidade. En concreto, desde o martes 2 e até o xoves 4, instalarase na zona peonil da rúa Gaiteira, á altura do número 31, mentres que o día 5 estará situado na Praza Elíptica dos Rosales e o día 6 en Illas Sisargas, no barrio de Mesoiro. Á semana seguinte, o servizo recalará en Lonzas, na avenida de Cádiz, entre os días 9 e 11 e, de cara aos días 12 e 13, a cidadanía poderá facer uso do mesmo nos Castros, na avenida da Pasaxe. Xa na semana do martes 16, o Punto Limpo Móbil situarase na rúa Regata Cutty Sark, en Adormideras. Mentres que o mércores 17 de maio non estará operativo –pola festividade das Letras Galegas–, os días 18, 19 e 20 estará na praza Luis Seoane. A continuación, o servizo da área de Medio Ambiente achegarase a rúa Capitán Juan Varela, xunto á Audiencia Provincial, entre os días 23 e 25, e na fin de semana –26 e 27 de maio– a súa localización de referencia será a praza Pablo Iglesias, no Castrillón. Finalmente a veciñanza poderá depositar os seus residuos na praza das Conchiñas os días 30 e 31.

En horario de 09.00 horas a 14.15 horas, as persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas de vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cun operario para poder axudar á cidadanía a depositar cada residuo no contedor correspondente. A Concellería destaca que este servizo facilita a xestión de residuos e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva.

Deja una Respuesta

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>