A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, manifestou hoxe que “o Goberno local insistirá nas súas reclamacións ante a Xunta de Galicia co obxecto de que o futuro CEIP de Novo Mesoiro conte cun servizo de comedor propio”, e non teña que recorrer ao cátering, como ten previsto a Consellería de Educación. A responsable municipal mantivo este xoves unha reunión con representantes da recentemente constituída Plataforma de Comedores Saudables nos colexios, aos que recordou que a pasada semana xa trasladou esta demanda directamente a este departamento do Goberno autonómico, no marco dunha reunión con cargos da citada consellería, obtendo unha resposta negativa.

“Apoiamos por completo a reivindicación que nos fan dende esta plataforma, constituída, entre outros, por pais e nais de Novo Mesoiro. Este é un centro de nova construción, por certo en terreos cedidos polo propio Concello, polo que o ideal sería que contase xa cun servizo de comedor saudable propio. Por agora, non recibimos unha resposta satisfactoria da Xunta de Galicia, que é a que ten a competencia para proxectalo, pero seguiremos insistindo, en base ao noso compromiso coa educación pública de calidade”, declarou Cameán.

Los comentarios no están permitidos.