A Concellería de Medio Ambiente vén de informar da situación do Punto Limpo Móbil para este mes de febreiro, no que o servizo se achegará a oito ubicacións distintas da cidade. En concreto, dende mañá, e até o venres, 3 de febreiro, instalarase na avenida da Pasaxe, entre os números 25 e 33, mentres que o sábado 4 estará en Mesoiro, na rúa Illas Sisargas. Posteriormente, e durante as xornadas do 7 ao 9 recalará en Lonzas, xunto ao parque infantil da avenida de Cádiz e, contra a fin de semana, os días 10 e 11 estará na rúa Regata Cutty Sark, en Adormideras. Do día 14 ao 16 de febreiro ubicarase na Gaiteira, á altura do número 31, mentres que os días 17 e 18 estará operativo fronte á Audiencia. Os días 21, 22 e 23 habilitarase o servizo da área de Medio Ambiente no barrio do Castrillón, na praza Pablo Iglesias. Finalmente, o Punto Limpo Móbil situarase na zona de Novos Ministerios os días 24 e 25 de febreiro.

En horario de 09.00 horas a 14.15 horas, as persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas de vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cun operario para poder axudar á cidadanía a depositar cada residuo no contedor correspondente. A Concellería destaca que este servizo facilita a xestión de residuos e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva.

Deja una Respuesta

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>