A Asociación Veciñal de Novo Mesoiro celebrou a que fou a última actividade do ano, a 5a Festa dos Xogos Lúdicos, evento que vén organizando ininterrupidamente desde o ano 2012.

Subvencionada pola Deputación da Coruña e producida pola empresa Alédate, ao igual que nos últimos dous anos, as entradas para o evento, que foron esgotadas, foron entregadas á veciñanza que vai participou a cambio de alimentos non perecedoiros que xa foron doados ao Banco de Alimentos Rías Altas.

“Cando hai dous anos estabamos a organizar a súa terceira edición, ocorréusenos que as entradas á festa foran cambiadas por alimentos non perecedoiros. Desde entón facémolo: sendo as datas que son, e sobre todo porque tamén entendemos que o noso deber, ademais de organizar actividades lúdicas ou ser reivindicativos cando toca, é axudar, na medida das nosas posibilidades e recursos. E a veciñanza sempre respondeu, como este ano, no que achegaron máis de 300 quilos de alimentos que xa foron doados ao Banco de Alimentos Rías Altas”, sinala a presidenta da entidade Mónica Calvo.

Deste xeito, para hoxe, e no pavillón do barrio, a partir das 17.00 h, a asociación organizou distintas actividades como un taller de olería, a cargo de Pepe Otero, un dos poucos artesáns da olaría que aínda mantén a actividade na Galiza, e que ten o seu obradoiro no propio barrio de Novo Mesoiro, ou un taller de postais de Nadal, con persoas voluntarias e monitoras da asociación veciñal.

Así mesmo, e a cargo da empresa Alédate, e atendendo ás distintas franxas de idade, as rapazas e rapaces que participen da festa poderán gozar de varios xogos inchábeis, un rocódromo de escalada adaptado ou unha piscina de bolas, esta última atracción destinada ás máis pequenas e pequenos.

“Tamén temos varias sorpresas preparadas para mañá, como un tren chu-chú, para que nais, pais, nenas e nenos, dean unha volta polo noso barrio e incluso levamos dúas semanas facendo as xestións necesarias para que o mesmísimo Papa Noel poida achegarse á festa e recoller persoalmente as cartas que as nenas e os nenos lle queiran entregar”, informou Mónica Calvo.

Por último, desde a Xunta Directiva da Asociación Veciñal, queremos trasladar o noso agradecemento a todos os medios de comunicación pola atención prestada durante este ano, así como aproveitamos para felicitar as festas e o noso desexo de que o ano 2017 sexa mellor que este que deixamos.

Los comentarios no están permitidos.