A Concellería de Medio Ambiente vén de informar da situación do Punto Limpo Móbil para o mes de decembro, no que o servizo se achegará ata nove ubicacións distintas da cidade. A primeira delas será a praza da Audiencia Provincial, na que se instalalará desde mañá, xoves 1, até o próximo sábado, día 3. En horario de 09.00 a 14.15 horas, as persoas que o desexen poderán empregar este servizo para depositar pequenas cantidades de certos residuos do fogar que non teñen cabida nos contedores das rúas, tales como aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, pilas, CD, cristal, lámpadas e fluorescentes, pinturas e vernices, radiografías ou tóner, así como roupa, zapatos, xoguetes e pequenos electrodomésticos (como televisores, microondas e computadoras). O vehículo conta cun operario para axudar á cidadanía a depositar cada residuo no contedor correspondente. A Concellería destaca que este servizo facilita a xestión de residuos e promove a reciclaxe a través da recollida selectiva.

A vindeira semana, o servizo estará dispoñible para a veciñanza de Mesoiro, ao situarse o mércores 7 na rúa Illas Sisargas, e da Cidade Vella, á que se desprazará os días 9 e 10 –Campo da Estrada–. Na seguinte semana, o punto de reciclaxe atoparase do 13 ao 15 no parque infantil da avenida de Cádiz, e os días 16 e 17 na praza Pablo Iglesias. A partir do día 20, e até o 22, o servizo promovido pola Concellería de Medio Ambiente instalarase na avenida Pasaxe –entre os números 25 e 33–, mentres que na fin de semana, o venres 23 e sábado 24, estará na rúa Regata Cutty Sark, en Adormideras. Finalmente, o Punto Limpo Móbil estará dispoñible os días 27 e 28 na praza Luis Seoane, fronte aos Novos Ministerios, e pechará o ano –29, 30 e 31 de decembro– na rúa Gaiteira, á altura do número 31. Para máis información, pode consultarse a páxina web municipal www.coruna.gal/puntolimpomobil

Los comentarios no están permitidos.