A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, área que dirixe o edil José Manuel Sande, vén de abrir o prazo de inscrición para participar na V edición do Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre. A serie de sete probas, que comezará o próximo 6 de novembro, percorrerá os barrios de Novo Mesoiro, Os Rosales, Matogrande, San Pedro de Visma, Oza, Ventorrillo e a contorna da Torre de Hércules, e manterá os prezos de inscrición e bonificacións para distintos colectivos do ano pasado. O concelleiro destaca a aposta do Goberno local por unha cita que promove a actividade deportiva “de carácter popular, desde unha perspectiva saudable e adaptada a todos os públicos”. “Este Circuíto promove o divertimento e integración, así como a exploración de diversos espazos e zonas na cidade, a través do deporte”, expón o edil, que salienta a “consolidación” da carreira de Matogrande, a proba posta en marcha polo executivo coruñés en xaneiro de 2016 e que nesta tempada celebrará a súa segunda edición.

3

Así, a primeira carreira terá lugar o próximo 6 de novembro no barrio de Novo Mesoiro, e a serie continuará o 4 de decembro nos Rosales. A primeira proba de 2017 terá lugar o día 15 de xaneiro en Matogrande, e xa en abril, o sábado día 1, terá lugar a nocturna da Torre de Hércules. O circuíto volverá no mes de xuño, coa Cross San Pedro de Visma o día 25 e, tras o parón estival, Coruña Corre pechará a quinta edición coas probas de Oza, o 10 de setembro, e do Ventorillo, que terá lugar o 24 de setembro.

A inscrición tanto para participar no V Circuíto Corruña Corre como na proba de Novo Mesoiro do día 6 pode facerse desde hoxe –e ata o día 2 de novembro no caso da primeira carreira– na web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares. Como o ano pasado, o prazo para solicitar a participación no Coruña Corre completo poderá facerse ata a data de peche de inscricións da segunda proba, a dos Rosales. Nesta edición, o Concello manterá os prezos do ano pasado: 10€ para o público xeral de máis de 18 anos, gratuíto para menores de idade e 7€ para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove. Este colectivo tamén obterá descontos na cota de inscrición para cada unha das distintas carreiras, que será 1€, mentres que o prezo para as e os demais corredores que non estén inscritos no circuíto será 2€ (agás as e os menores de idade).

unnamed

Para participar nas carreiras e obter un dorsal será necesario inscribirse en cada unha das probas. O que non será necesario para correr no Circuíto, pero si para puntuar no sistema de cronometraxe e figurar nas clasificacións, será o uso do chip. As e os corredores que non dispoñan do mesmo poderán adquirilo por 12€ ao inicio da serie e, ao devolvelo ao remate da mesma, recibirán 6€. Este ano, como novidade, poderá adquiridse un chip de uso exclusivo para cada unha das probas por un prezo de 2€, agás para o colectivo con bonificación, que aboarán 1€.

Toda a información sobre as categorías, sistema de clasificación e premios está dispoñible no regulamento do Circuíto, que pode consultarse no web www.coruna.gal/carreirasgalegas

unnamed1

VI Carreira Popular de Novo Mesoiro

A primeira das citas de Coruña Corre terá lugar no barrio de Novo Mesoiro o próximo 6 de novembro, e as inscricións para a mesma poderán realizarse ata o próximo mércores. En total, as e os atletas da categoría absoluta percorrerán unha distancia de 5.535 metros dun circuíto que terá a súa saída e meta xunto ao polideportivo municipal.

 

A proba arrincará ás 10.30 horas e, unha vez finalice esta –cuxo peche establécese ás 11.30 horas–, comezarán as carreiras das categorías de menores: xuvenil, cadete, infantil feminino e masculino, alevín femino e masculino, benxamín e prebenxamín.

Os dorsais para a VI Carreira Popular de Novo Mesoiro poderán recollerse no propio polideportivo do barrio o sábado 5 de novembro, de 11.00 a 13.30 horas, e de 16.30 a 21.00 horas, así como o domingo 6 ata unha hora antes do inicio de cada carreira. No recinto municipal estará situado o servizo de duchas e gardarroupa o día da proba, cuxa entrega de premios será ás 13.15 horas.

Los comentarios no están permitidos.