A nova directiva está encabezada por Mónica Calvo como presidenta, Lorena Mallo como Vicepresidenta, Cristina Vila como secretaria e Martina Iglesias como tesoureira, e estará composta por seis mulleres e tres homes

A Asociación Veciñal Novo Mesoiro ven de elixir este sábado á que será a súa nova Xunta Directiva para os vindeiros dous anos.

A reunión, que se desenvolveu no centro cívico municipal de Novo Mesoiro, constou de dúas partes; unha primeira, dedicada a celebrar a asemblea ordinaria, onde foron aprobados os informes de xestión e o de tesourería do último ano, e unha segunda parte, onde en asemblea extraordinaria, se presentou a única candidatura que optaba a ser elixida, e que finalmente levará o traballo da asociación durante o vindeiro período de dous anos recollido nos seus estatutos.

Na presentación da súa candidatura, a que será a nova presidenta, Mónica Calvo, destacou que a principal misión da súa Xunta será a de continuar co traballo desenvolvido polos anteriores equipos directivos, facendo lembranza de Nilo Moreno, Manel Méndez e Xosé Aller, por esta orde, os anteriores presidentes desde 2012.

Neste sentido a nova presidenta sinalou que o desenvolvemento das actividades consolidadas, a festa do Samaín, a festa dos Lúdicos, a festa de Entroido e as festas de verán serán o eixo do traballo da nova directiva, sen renunciar ao labor reivindicativo e de defensa dos interese do barrio.

Así, Mónica Calvo tamén lembrou que o traballo reivindicativo deberá ser outra das características que definan ao seu equipo. “No barrio seguimos sen o Colexio prometido. Aínda non foi executada a segunda fase do corredor entre Ribeira Sacra e Fragas do Eume. O centro de saúde segue sen un servizo acorde coas necesidades do barrio. As zonas infantís seguen sen estar dotadas de medidas mínimas de seguridade. Ou o parque sigue sen unha correcta iluminación e un mantemento adecuado. Estas, entre outras 28 demandas, queremos que sexan resoltas. E a nova xunta que encabezo xa está traballando para que así sexa”, indicaba Mónica Calvo na súa intervención.

Por último, a nova presidenta, cun agradecemento previo ao traballo desenvolto por aqueles membros da xunta directiva que non poden seguir pertencendo á mesma, deu paso á presentación das e dos demais compoñentes da súa lista, onde agás a incorporación de Cristina Vila, na secretaría, até 8 persoas repiten participación desde o equipo anterior.

Así, Lorena Mallo, como vicepresidenta e Martina Iglesias como tesoureira seguirán ostentando estas responsabilidades, sendo 5 as vogalías as que se manteñen, ficando a composición da nova Xunta en seis mulleres e tres homes.

Los comentarios no están permitidos.