O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou hoxe o convenio que impulsará a construción, por parte da Xunta, do colexio de Educación Infantil e Primaria de Novo Mesoiro despois de que o Concello puxese a disposición da Administración autonómica os terreos necesarios. O rexedor acudiu esta mañá a Santiago xunto coa concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, para subscribir o documento, que pauta a colaboración do ente municipal coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, rubricado, por parte da Xunta, polo conselleiro da área, Román Rodríguez. O rexedor indicou a necesaria “colaboración entre institucións, sempre tendo como fin último o benestar da cidadanía”. “A Xunta de Galicia poderá levar a cabo este centro educativo, moi demandado nun barrio en constante crecemento, grazas a que o Concello da Coruña se puxo a traballar, ofreceu terreos e os prepara para a súa posta a punto”, comentou. “É unha moi boa nova que, tras meses de negociacións, poidamos asinar este convenio, polo que poñemos a disposición da Xunta máis de 8.000 metros cadrados, aos que posteriormente se sumarán outros 4.000 para una futura ampliación do centro ou para que alí se imparta Educación Secundaria, como pide a veciñanza”, indicou o rexedor. “Traballamos dende o primeiro día para poder cumprir esta demanda histórica da cidadanía da zona. É unha actuación máis deste Goberno municipal que referenda o noso compromiso coa educación pública de calidade”, destacou o primeiro edil coruñés. “Se todo vai ben e se cumpren os prazos dados pola Xunta, que fala de poder licitar antes de final deste exercicio, de aquí a dous anos teremos todo construído”, explicou.

O convenio estipula que o Concello pón a disposición da Xunta o solar para o colexio, un terreo de 8.801 metros cadrados no Novo Mesoiro, e comprométese a trasladar as hortas urbanas que existen na parcela antes da adxudicación das obras de construción. Tamén será de responsabilidade municipal dotar os terreos, con carácter previo á execución do centro, dos usos urbanísticos e as infraestruturas adecuadas para o servizo educativo, como son o abastecemento de auga, a subministración eléctrica, o saneamento e a rede de sumidoiros, así como os permisos e autorizacións precisos para levar a cabo estes traballos. Neste sentido, o convenio establece que “o Concello iniciará de inmediato os trámites necesarios para a aprobación dos instrumentos de ordenación urbanística dirixidos á ampliación da superficie para uso docente da parcela, ata completar unha superficie mínima de 12.150 metros cadrados, co obxecto de garantir a posibilidade de ampliar o futuro centro educativo, das 18 unidades que se contemplan a 27, en función da demanda de matrícula do centro”. De igual xeito, corresponderá á administración local aprobar o proxecto básico de execución para a obra de construción do CEIP e, do mesmo modo, este será responsable do mantemento e conservación das instalacións, dentro do réxime de competencias e obrigas que establece a lei.

Obras de mantemento en centros educativos da cidade

Tal e como se recolle no documento susbscrito esta mañá, “na medida en que se trata dunhas obras de interese público, os importes equivalentes aos aboados ao Concello en concepto de taxa pola licenza urbanística e o imposto municipal sobre construcións serán empregados pola propia administración local en obras de mantemento de edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil e primaria, a través do incremento da partida orzamentaria” correspondente a obras de reposición en centros públicos. “Para nós a educación pública de calidade é unha prioridade, así como dotar aos e ás estudantes da cidade dunhas instalacións en condicións o que, sen ir máis lonxe, levounos este ano a dedicar a histórica cifra de máis dun millón de euros a solventar as necesidades de 12 centros educativos da cidade”, recordou a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán.

Por parte da Xunta, o convenio estipula que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elaborará, supervisará e aprobará o proxecto básico e de execución da obra do centro educativo. Unha vez formalizada a posta a disposición e supervisado o proxecto básico, iniciará a tramitación da contratación do gasto, con cargo aos seus orzamentos, e a tramitación dos expedientes de licitación, dirección e execución das obras. O inicio das mesmas, indica o documento, quedará supeditada á correspondente licenza de obra.

Una Respuesta a “O Concello cede á Xunta de Galicia unha parcela de 8.800 metros cadrados que posibilitará a construción do centro de Educación Infantil e Primaria de Novo Mesoiro”
  1. avatar tino dice:

    tienen decidido en que terrenos irá? O lo ubicarán en los huertas urbanas?

  2.