Os centros cívicos municipais acollerán entre os meses de xuño, xullo e agosto, diversas actividades dirixidas á mocidade de entre 12 e 30 anos dentro do programa Lecer Saudable,impulsado pola Concellería de Xustiza Social e Coidados e cuxo obxectivo é fomentar hábitos saudables de vida, así como previr conductas adictivas entre os mozos e mozas a través de actividades de lecer construtivo. Este programa, que inclúe distintas actividades de tipo deportivo, ambiental, artístico, audiovisual e formativo ten carácter gratuíto. O período de inscrición para as distintas actividades (recollidas no documento adxunto) realizarase entre os días 20 e 23 de xuño, en horario de 11.30 a 13.00 e de 17.30 a 19.00 horas nos centros cívicos nos que se leven a cabo cada unha das accións.

Entre as actividades que se ofertan, destacan as destinadas aos e ás máis novas, de até 17 anos. Iniciación ao surf, realización de curtas, iniciación á cocina italiana, cociña básica, recuncho de estido, aerobic latino, vóley praia, deseño de cómics, como ser Dj, tratamento e retoque fotográfico, xogos en rede, maxina ou multideporte, entre outras actividades. Por outra banda, os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos poden participar en xornadas multiaventura (escalada, sendeirismo costeiro, ruta BTT, canoa…), así como a cursos de iniciación á cociña internacional, mantemento de páginas web e blogs, cursos de primeiros auxilios en colaboración coa Cruz Vermella, ou de mediación en prevención de drogodependencias.

As actividades son gratuítas e as prazas limitadas. Se o número de solicitudes de participantes en cada actividade superase o número de prazas establecido procederase á realización dun sorteo para a súa adxudicación. A realización de actividades está condicionada á existencia dun número mínimo de persoas inscritas. Para máis información, os e as interesadas poderán dirixirse aos centros cívicos municipais ou ben consultar a web municipal (w ww.serviciossociales.coruna.es) ou chamar ao teléfono de información cidadá 010.

O ano pasado 1.275 mozos e mozas participaron neste programa de lecer a través de 22 actividades distintas, ocupándose o 100% das prazas ofertadas.

Los comentarios no están permitidos.