A concelleira de Facenda e Administración, Eugenia Vieito, presentou na mañá deste xoves o Plan de Pago Personalizado dos tributos locais, que, como salientou, supón a posibilidade de realizar o pagamento fraccionado dos impostos en ata seis prazos, a través da domiciliación bancaria, cunha bonificación do 3%, tal e como se establece na ordenanza xeral de recadación que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro. Tal e como subliñou a responsable municipal, isto permitirá “facilitar o pagamento de tributos aos e ás contribuíntes, que poderán axustar o ritmo dos pagos ás súas dispoñibilidades económicas, e especialmente a familias e persoas que teñan dificultades económicas a facer os seus pagamentos tributarios”, e, ao mesmo tempo, fará periódicos os ingresos do Concello, o que evitará, sinalou, “certas situacións de tensións de tesourería e falta de liquidez”.

Tal e como expuxo Vieito, neste exercicio 2016 poderase pagar xa de xeito fraccionado o Imposto de Bens Inmobles (IBI), a través de domiciliación bancaria en dous ou seis prazos. A partir do 2017, unha vez que a nova ferramenta informática necesaria estea xa totalmente implantada, esta posibilidade de fraccionamento ampliarase a outros tributos –os que teñen vencemento periódico, como son o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), Imposto sobre Actividades

Económicas (IAE), taxa de lixo, e vados– e incluirá a opción de pagamento en dous, tres, catro, cinco ou seis prazos. A bonificación do 3% estenderase ao IBI e o IVTM, “que son os principais tributos e os que supoñen maior carga tributaria”. O prazo de solicitude para acollerse a esta modalidade de Plan de Pago Personalizado este ano está aberto desde o pasado día 1 de xaneiro e ata o 1 de febreiro e, como indicou a concelleira de Facenda, permitirá escoller entre pagar en dous ou seis prazos. As solicitudes presentaranse en todos os rexistros municipais, en Correos ou outros rexistros doutras administracións e o formulario tamén estará dispoñible para descarga na web do Concello (w ww.coruna.es) e se poderá enviar á dirección planpagopersonalizado@coruna.es, a través da que se recollerán as solicitudes para iniciar a tramitación, ou tamén a través da sede electrónica para aquelas persoas que teñan sinatura electrónica.

“Desde o Concello, queremos animar a todas as coruñesas e os coruñeses para que utilicen esta nova uso de esta nova modalidade de pago que vai facilitar o pagamento das súas débedas tributarias”, destacou Vieito, para apuntar que as datas de cargo para a opción de fraccionamento en dúas cotas serán o 1 marzo e o 1 de outubro, en en canto á opción en seis cotas, o 1 de marzo, 2 de maio, 1 de xullo, 1 de agosto, 1 de setembro e o 1 de outubro.

A responsable municipal de Facenda sinalou tamén que aqueles e aquelas contribuíntes que con anterioridade se tiveran adherido ao sistema de Pago con Vencemento Especial do IBI, pasarán a integrarse no Plan de Pago Personalizado de forma automática, na modalidade de fraccionamento en dúas cotas, sen necesidade de realizar unha nova solicitude, e tamén poderán demandar o pagamento en seis prazos.

Los comentarios no están permitidos.