A Concellería de Medio Ambiente, ante a previsión dun verán especialmente seco, solicita a colaboración dos titulares de parcelas para o seu mantemento en condicións de seguridade e evitar emerxencias, especialmente nas áreas máis rurais do municipio, como Feáns, Mesoiro, a contorna da avenida da Pasaxe, Monte Mero, Eirís, Monte das Moas, San Pedro de Visma, Bens, Cances, A Moura, Mazaido, A Silva, O Portiño, Nostián, Martinete e o Birloque, entre outras.

O departamento municipal está a reforzar o control da limpeza dos espazos públicos e privados, notificando por escrito e con carácter urxente aos titulares das parcelas de maior risco a necesidade de rozar e eliminar a vexetación combustible. As particulares circunstancias meteorolóxicas que se están a vivir este ano incrementan o risco de incendios forestais. De feito, nos últimos días tiveron lugar xa varios episodios de diferente magnitude na zona da Zapateira.

O servizo de inspección medioambiental detectou a necesidade de actuar con carácter inmediato dado o alto risco de incendio, o que lexitima que a administración teña que adoptar unha orde de execución con omisión do trámite de audiencia previa, ao ser patente o perigo para a seguridade das persoas. O proceso prevé a incoación de multas coercitivas de 300 a 6.000 no caso de non executarse os traballos no tempo previsto.

O incremento do control que se está a desenvolver desde o Concello súmase ás tarefas xa realizadas ata o momento: ao longo de 2015 notificóuselles aos titulares de 210 parcelas a necesidade de executar traballos de roza.

Los comentarios no están permitidos.