A Asociación de Veciños, este mes, céntrase en dotar de RR.HH. ao Centro de Saúde.

Tamén a entidade veciñal solicita melloras en materia de seguridade viaria propoñendo a colocación dun paso para peóns á altura do número 10-12 da rúa Ribeira Sacra. 

Por outra banda, recolle a suxestión da veciñanza de cambiar as fontes de auga hoxe en día existentes nas áreas de xogo infantís 

Este mes a A.VV. centra as súas peticións no Centro de Saúde do barrio. Desde a entidade sinálase que o Centro de Saúde é a instalación da que máis orgullosos se senten no barrio de Novo Mesoiro mais a súa capacidade, modernidade e infraestrutura, indican, están infrautilzadas pola falta de dotación de persoal e de RR.HH. Así, teñen constatado que na actualidade o Centro de Saúde non abre polas tardes, non está dotado dun servizo de atención de urxencias, non conta con servizo de matrona, só conta cun servizo de pediatría e non ten, no seu exterior, zona reservada e habilitada para o estacionamento de ambulancia nin para persoas con discapacidades físicas. Por todo isto, e conscientes de que son distintas administracións as que deben resolver todas estas deficiencias, achegan a solicitude ás distintas forzas políticas para que se tenten resolver todas elas, ben a través da xestión no propio concello, ben a través de iniciativas no Parlamento de Galiza. Aseguran, así mesmo, que no barrio con máis nacementos de toda Coruña, e con proxección demográfica á alza, a falta de recursos nos servizos de pediatría e do servizo de matrona son inxustificábeis, e consideran que deben ser subsanados de inmediato. Ademais, tamén consideran indispensábel que exista un servizo de urxencia, xa que este atendería aos barrios Feáns, Mesoiro, Urbanización Breogán, Polígono de POCOMACO e ao propio barrio de Novo Mesoiro.

As outras dúas peticións que este mes achega a A.VV. están relacionadas, en primeiro lugar, coa seguridade viaria, e en segundo lugar, coa substitución de mobiliario urbano. Así, respecto á seguridade viaria, a asociación solicita a colocación dun paso a peóns á altura da rúa Ribeira Sacra 10-12. Nesa localización existe unha parada de bus que é empregada polo servizo da liña 21 da Compañía de Tranvías, polos distintos servizos de autocares que recollen e transportan aos nenos e nenos do barrio a distintos centros educativos e por outros servizos de transporte colectivo, públicos e/ou privados. Sinalan que esa é unha parada moi concorrida e que nas horas punta concentra a moitas persoas usuarias deses transportes, mais non existe acceso debidamente habilitado para esta parada desde a zona impar da rúa co cal a inmensa maioría dos peóns crúzana indebidamente. Por isto demandan a colocación dese paso para peóns á altura da propia parada do bus como xeito de normalizar a situación e permitir o paso debidamente cun acceso sinalizado.

Por último a A.VV., no listado de peticións deste mes, reclama a substitucións das fontes de auga situadas nas zonas infantís do barrio. Lembran que estas fontes provocaron xa polémica cando foran instaladas e téñense demostrado como pouco funcionais e de difícil acceso para nenos e nenas. Inciden en sinalar que ademais esta actuación non ha de supor un elevado costo xa que non necesita habilitar ningunha partida orzamentaria extraordinaria.

Los comentarios no están permitidos.