A Asociación de Veciños insiste en requirirlle ao concello no aumento de medidas de seguridade viaria nas contornas dos parques infantís preto das rotondas do barrio.

Tamén a Asociación de Veciños pregunta sobre as datas de execución do proxecto para o alumeado público no parque situado entre Novo Mesoiro e o polígono de POCOMACO e os horarios libres para o acceso da veciñanza ao uso do pavillón polideportivo do barrio.

POR ÚLTIMO, TAMÉN FAISE RECORDATORIO DA IMPORTANCIA DE PLANIFICAR CON TEMPO A CONSTRUCIÓN DO COMPLEXO EDUCATIVO DE NOVO MESOIRO.

A Xunta Directiva da A.VV. de Novo Mesoiro resolveu na súa ultima reunión o dar traslado aos grupos políticos con representación na corporación municipal doutras tres actuacións que considera que deben ter protagonismo nos debates do vindeiro pleno do concello. A Xunta Directiva da asociación lembra que estas actuacións forman parte das 29 principais demandas nas que traballa, e que traslada, de xeito previo e rotatorio, a cada pleno. Neste mes os temas a tratar son as infraestruturas, o uso das instalación deportivas e insiste, de novo, na seguridade viaria.

Deste xeito, a primeira demanda por importancia segue sendo a da seguridade viaria na contorna dos espazos de xogos infantís próximos ás rotondas que hai no barrio. A A.VV. ten proposto o emprazamento de varandas de protección para evitar que tanto rapazas e rapaces coma xoguetes invadan de forma fortuíta a calzada, co consecuente risco para eles e para as persoas condutoras. Asemade, este tipo de proteccións de seguridade xa se teñen instalado noutros barrios da cidade como nos Rosais polo que a asignación dunha partida orzamentaria pode inxerirse en gastos correntes de infraestruturas.

A segunda cuestión pola que se interesa a Xunta Directiva e o da execución do proxecto para o alumeado público no parque situado entre Novo Mesoiro e o polígono de POCOMACO. Este parque ten moitas deficiencias en canto alumeado, ben pola falta do mesmo, a súa insuficiencia e mesmo polos continuos cortes que sufre. Así, a xunta directiva interésase polos prazos de execución do proxecto unha vez asinado o pago do mesmo no mes de decembro de 2014.

A terceira iniciativa que formula a veciñanza de Novo Mesoiro é o horario de usos do pavillón de Novo Mesoiro, co obxecto de que a propia veciñanza poida facer uso desas instalacións. Xa en novembro de 2014, e a través dun solicita xenérico remitido á concellaría de Deporte, a xunta directiva preguntaba por estes horarios, máis após de dous meses aínda non se recibiu contestación, polo que agora da traslado a través do propio debate no pleno.

Por último a A.VV. insiste en recordar que a reivindicación do barrio é A CONSTRUCIÓN DUN COMPLEXO EDUCATIVO. Esta demanda, lembra a veciñanza, será o seu principal obxectivo a conseguir nos vindeiros meses, tentando comprometer á Xunta de Galiza e ao propio concello da súa construción en breve prazo.

Los comentarios no están permitidos.