A concelleira María Xosé Bravo comprometeuse a trasladar ao concello e ao Parlamento de Galiza varias das demandas da nosa Asociación.

 CIMG2334-1

Este pasado mércores tocoulle a quenda ao BNG para escoitar as demandas do noso barrio. Así, a concelleira María Xosé Bravo atendeu as peticións que se lle foron trasladadas nunha reunión que durou máis dunha hora e que rematou dando unha volta pola contorna do Centro Cívico.

A Xunta Directiva púxolle enriba da mesa as demandas que hai dúas semanas colgamos na web e que precisamente foron as mesmas que se lle trasladaron ao alcalde na súa visita do día 25 de febreiro. Deste xeito, e analizando punto por punto, a concelleira explicou que había asuntos que son competencia municipal e outros que transcenden ao propio concello e que o BNG se compromete a levar ao Parlamento de Galiza. A maiores a concelleira nacionalista afondou nunha das problemáticas de futuro que máis preocupan á asociación: as prazas de colexio para o barrio. Esta conversa derivou na gratuidade do transporte das e dos nenos ao distintos centros, comprometéndose a pasarnos, á maior brevidade, a normativa existente hoxe en día para que poidamos colgar na nosa web a información. 

Na conversa mantida sacamos o compromiso de que o grupo municipal do BNG tentará trasladar ao pleno do concello algunha das nosas peticións e preocupacións máis urxentes. Estas iniciativas pasan por preguntas ou mocións relativas aos desprendementos de pedra dos noiros e taludes, particularmente das rúas Fragas do Eume, os Ancares e Illa Sálvora, a necesidade de aumentar as prazas que hoxe en día son ofertadas na escola infantil, a ampliación do horario da ludoteca para a conciliación familiar ou a dotación dunha biblioteca para o barrio, sempre e cando esta teña unha superficie superior aos 400 m2.  Outro dos temas tratados foi a seguridade viaria e a necesidade de construír sendas medianas na avenida Illas Sisargas e na avenida Novo Mesoiro, no tramo entre a segunda e terceira rotonda, así como a colocación de máis pasos para peóns á altura das paradas de buses escolares (por exemplo na rúa Ribeira Sacra), e que sexan semielevados e, ademais, de que se adapten as bandas rugosas á normativa europea ou a colocación de barreiras protectoras no bordo das rotondas onde hai parques infantís.

Outro dos aspectos tratados na reunión foi a comunicación do barrio, concretamente o servizo que a compañía de tranvías ofrece e da necesidade de conectármonos cos barrios de Elviña e Matogrande ou co campus universitario. Neste sentido tamén quedou pendente traballo para a asociación xa que nos ofrecemos para elaborar unha proposta de novo trazado para unha liña que nos conectase con esas zonas.

Tamén as dotacións do barrio ocuparon parte da conversa. Falouse da ampliación das zonas infantís para idades a partir dos 6 años, así como a creación de novas zonas de recreo e creación de pistas de xogo (fútbol, baloncesto, etc), a colocación de fontes de auga máis funcionais e que podan ser empregadas polos nenos ou da colocación de alumeado nas pistas de terra dos parques naturais para que a veciñanza que practica deporte a primeiras e últimas horas do día teña iluminación suficiente para facelo.

 

Por último María Xosé Bravo quedou emprazada a trasladar ao grupo que o BNG ten no Parlamento de Galiza as demandas que son competencias da Xunta. Así, e referíndose ao centro de saúde, recolleu a nosa solicitude de ampliación do horario de tarde do centro e as ampliacións dos servizos de pediatra e matrona. Tamén se falou dos actuais lindes do TECOR societario e de tentar ampliar eses límites, incluso trasladar a proposta de eliminalo en toda a área limítrofe do barrio.

 

Como peche da reunión, a Xunta Directiva, xunto con Maria Xosé Bravo, aproveitamos para dar unha volta pola zona ao carón do pavillón deportivo onde puidemos constatar novamente os déficit na construción das zonas infantís, asolagadas e que impiden que os nenos poidan acceder a elas, e o que é peor, a tubaxe ao ar das liñas eléctricas e o entullo das obras ao carón do burato que dá á avenida.

Los comentarios no están permitidos.