Hoxe mércores 28 de xaneiro ás 12:00 terá lugar o acto de reapertura da Casa das Ciencias, despois dun proceso de remodelación que contou co patrocinio de Caixanova. O planetario incorpora un sistema de proxección dixital que achega unha maior definición e permite empregar imaxes en movemento en toda a cúpula, como poderemos comprobar no novo programa Invasores de Marte. Doce novos módulos de experiencias desenvolvidos polo Exploratorium de San Francisco renovan por completo a primeira planta, mentres que na segunda, a das exposicións temporais, disfrutaremos da exposición Anfibios, a vida entre dous mundos. A reforma da Casa das Ciencias supuxo tamén algúns cambios estruturais de singular importancia, como a creación dun novo ascensor que facilitará o acceso dos discapacitados até o planetario.

Para celebrar a reapertura, desde este mércores 28 até o domingo 1 de febreiro a entrada á Casa das Ciencias será de balde. O horario de funcionamento é de 10:00 a 19:00.

Los comentarios no están permitidos.